Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Mércores, 04 Xullo 2018 09:57

CONVOCATORIA DO PROGRAMA EMEGA PARA O EMPRENDEMENTO FEMININO EN GALICIA

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018.

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de facilitar a implantación e a consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Comprende as seguintes liñas e axudas complementarias:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto de mellora.

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio
empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico.
As ditas medidas, en ningún caso, poderán supor destrución do emprego existente por conta propia e allea.

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades:
Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

f) Dual: axuda complementaria para incentivar a participación no programa de titorización que estableza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria a través das liñas Emprende, Activa, Innova ou ITEF.


Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma.

Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, non sendo válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal; de ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

Importe
A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:
a) Liña Emprende: incentivos desde 8.000 € ata 20.000 €.
b) Liña Innova: incentivos desde 12.000 € ata 20.000 €.
c) Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 15.000 €.
d) Liña ITEF: incentivos desde 16.000 € ata 40.000 €.
e) Axuda complementaria concilia:
Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 € a 5.000 €.
f) Axuda Dual: incentivo de 500 €.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de oitocentos cincuenta e seis mil cento nove euros (856.109,00 €), o 80 %, con cargo ao FSE e o 20 % con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma. Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo
expira o último do mes.

Bases: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180704/AnuncioG0244-250618-0002_gl.pdf