Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Luns, 04 Xuño 2018 06:22

PROGRAMA DO BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS

Consellería de Economía, Emprego e Industria
ORDE do 22 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR 341Q).

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses
e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.

Subvención do bono das persoas autónomas
Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade que se subvencione cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta do beneficiario.

Esta axuda terá dúas liñas de actuación:
Liña 1. Mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:
• Investigación de mercado.
• Plan de márketing.
• Plan de comunicación do negocio.
• Plan estratéxico do negocio.
• Plan crecemento: constitución sociedade.
• Plan de reorientación do negocio.
• Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio.
• Plan de refinanciamento.
Tamén poderanse subvencionar outros estudos e planes que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.
Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa ReAcciona na súa convocatoria para o exercicio de 2018 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2. Mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:
• Compra de maquinaria.
• Compra de útiles e ferramentas.
• Reforma do local do negocio.
• Equipos informáticos.
• Rótulos.
• Aplicacións informáticas e páxinas web.
• Creación logotipo do negocio.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A aplicación informática da sede electrónica estará dispoñible desde as 9.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no DOG ata as 23.59 horas do día de finalización do prazo.

Bases: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180604/AnuncioG0424-240518-0004_gl.pdf