Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Venres, 18 Mai 2018 06:33

CONVOCATORIA DA IX EDICIÓN DOS PREMIOS AGADER ÁS INICIATIVAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2018 pola que se convoca a novena edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

Obxecto
Fomentar actuacións que animen a participación pública e privada no proceso de desenvolvemento rural mediante a concesión de premios a iniciativas de desenvolvemento rural.

Beneficiarios
Persoas físicas ou xurídicas de natureza privada.

Os premios que se convocan correspóndense coas seguintes categorías:
Categoría mozos, para aquelas iniciativas levadas a cabo por mozos/as que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación. Para estes efectos, terán a consideración de mozos ou mozas quen non teña máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a candidatura ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.

Categoría proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural, para todos aqueles proxectos orientados á posta en valor, conservación e recuperación de elementos patrimoniais do rural galego, así como aqueles aspectos da nosa cultura que se constitúen como sinais de identidade do medio rural.

Categoría proxectos de interese social, orientados cara á integración dos colectivos máis desfavorecidos e que procuren a inserción social ou o coidado dos nosos maiores.

Categoría turismo, para recoñecer aquelas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico a través da potenciación da ampla riqueza dos recursos turísticos do medio rural de Galicia.

Categoría sector agro-gandeiro, dirixida a proxectos desenvolvidos dentro dos sectores da gandaría, a agricultura e/ou o a transformación agroalimentaria que aposten polo valor engadido na súa produción.

Categoría mulleres, orientada ás iniciativas levadas a cabo polas mulleres no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que serán fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización e a innovación.

Categoría innovación tecnolóxica, dirixida ás iniciativas desenvolvidas no medio rural galego que incorporen a innovación para obter un novo produto ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos ou para seren máis rápidas na súa introdución no mercado.

Categoría premio á loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras agrarias, destinada a premiar as iniciativas que puxesen en marcha proxectos ou experiencias que contribúan, directa ou indirectamente, a loitar contra o abandono de terras agrarias ou a favor da recuperación daquelas que xa están en situación de abandono, ou ben á visibilización deste como un problema grave para o conxunto da sociedade galega.

Cada un dos premios constará dun diploma e unha dotación en metálico de 10.000 €

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Bases: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180518/AnuncioO90-040518-0001_gl.pdf