Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Xoves, 10 Mai 2018 06:14

CONVOCATORIA DESTINADA ÁS EMPRESAS, CORPORACIÓNS SECTORIAIS E ORGANIZACIÓNS NON GOBERNAMENTAIS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA PARTICIPAR NO PLAN DE PRÁCTICA LABORAL DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA 2018

DEPUTACIÓN PROVINCIAL
Bolsa de práctica laboral

CONVOCATORIA DESTINADA ÁS EMPRESAS, CORPORACIÓNS SECTORIAIS E ORGANIZACIÓNS NON GOBERNAMENTAIS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA PARTICIPAR NO PLAN DE PRÁCTICA LABORAL DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA 2018

A Deputación de Pontevedra ten previsto poñer en marcha un Plan de práctica laboral en colaboración coas empresas, corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais da provincia de Pontevedra (en diante entidades), para mozas e mozos con titulación universitaria ou de formación profesional sen experiencia laboral previa no ámbito dos seus estudos, coa finalidade de promover e completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado de traballo.

O plan ofrecerá un total de 400 bolsas de práctica laboral no sector privado, de entre 740,00 e 840,00 euros ao mes, durante un período de seis meses prorrogables por outros seis. Legalmente, estas bolsas configúranse como subvencións deste organismo provincial a persoas tituladas universitarias ou de ciclos superiores de formación profesional para que poidan aplicar nas empresas e entidades participantes os coñecementos adquiridos na universidade ou nos centros de FP.

A Deputación asume o financiamento do Plan, a distribución e a asignación das bolsas entre as empresas ou entidades solicitantes, a selección das persoas bolseiras, a adxudicación das bolsas, o pagamento ás persoas seleccionadas da correspondente axuda ou subvención e a súa cotización á Seguridade Social.

Pola súa parte, as empresas ou entidades participantes deberán comprometerse a facilitar a realización da práctica laboral no seu centro de traballo e a desenvolver un proxecto ou programa formativo que lles permita exercer competencias e colaborar no desenvolvemento de actividades profesionais que poidan facilitar a súa empregabilidade.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

Anuncio BOP: http://www.boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2018/05/09/2018023994