Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Xoves, 25 Xaneiro 2018 10:25

FUNDACIÓN GALICIA EUROPA CONVOCA 6 BOLSAS PARA A FORMACIÓN PRÁCTICA EN ASUNTOS EUROPEOS

Están dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional e o prazo de presentación de candidaturas remata o 28 de xaneiro.


O obxectivo destas bolsas é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de posibilitarlle a oportunidade de traballar nunha contorna multicultural.


Esta iniciativa enmárcase nun dos obxectivos fundacionais da entidade, a formación e sensibilización sobre a UE en Galicia.

Catro das bolsas de formación estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas comunitarias que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoraranse preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas.

A FGE ofrece, ademais, unha bolsa radicada na oficina de Bruxelas e destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas, co obxectivo de que o beneficiario se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos. Así mesmo, a Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa dirixida a técnicos superiores en Secretariado ou en Asistencia á dirección para a realización de prácticas na oficina de Bruxelas.

Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o día 28 de xaneiro. Como novidade deste ano, as solicitudes enviaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de  usuario e clave Chave365  (https://sede.xunta.gal/chave365). Opcionalmente,  poderanse  presentar  as  solicitudes  presencialmente  en  calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común,  utilizando  o  formulario normalizado  dispoñible  na  sede  electrónica  da  Xunta  de Galicia, https://sede.xunta.gal

Máis información: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/noticias_ver.asp?idSeccion=6&idTema=57&idNoticia=4195#.WmmwaKiWbIW