Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Martes, 21 Marzo 2017 09:19

O PLAN INTERGRADO PARA O EMPREGO A ESTRADA ACTIVA 2016/17 INSERTA NO MERCADO LABORAL A 26 PERSOAS EN MENOS DE SEIS MESES

Desde o Programa integrado para o emprego A Estrada activa 2016/2017, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Fundación Cultural da Estrada, continuamos coas accións formativas programadas no cronograma do proxecto, dirixidas a conseguir o obxectivo do 40% de inserción laboral. Ata o día de hoxe levamos a cabo as seguintes accións:

Diagnóstico ocupacional (currículo e carta de presentación):
Actividade imprescindible ao inicio do programa para que cada participante se defina profesionalmente e saber de que quere traballar. Unha vez que temos o(s) perfís profesionais, comezamos coa realización de currículos específicos para cada posto de traballo e coa realización de cartas de presentación. A metodoloxía que utilizamos para realizar esta formación é moi dinámica e participativa, baseada en técnicas de coaching grupal e individual.

Curso básico en prevención de riscos laborais (60h):
O obxectivo desta formación foi capacitar as persoas asistentes para o desempeño das funcións no nivel básico de prevención de riscos laborais, que a lei esixe a todas as empresas, coñecendo os dereitos e os deberes das persoas traballadoras e do empresariado en materia preventiva, así como a regulamentación básica aplicable nos respectivos postos de traballo.

Curso teórico-práctico de operador/a de carretilla:
Realizamos esta formación para as persoas participantes no programa integrado que queiran traballar na construción, nun almacén ou como operarias de loxística. Este curso proporciónalles as habilidades e destrezas para empregaren cunha carretilla.

Obradoiros de entrevistas:
Talleres fundamentais para adquirir a suficiente confianza, corrixir os erros e practicar tanto a comunicación verbal como a non verbal antes de enfrontarse verdadeiramente á entrevista na empresa.

Inglés:
Clases tanto a nivel básico como avanzado tódalas semanas, nas cales, entre outros temas, se practican entrevistas en inglés, conversas telefónicas, cartas e correos electrónicos formais …

Plataforma de formación online:
A dispoñibilidade de 600 cursos pon ao alcance das persoas usuarias unha formación máis personalizada en función da súa orientación laboral.

Información e asesoramento en competencias dixitais, acreditación e recoñecemento da experiencia profesional:
Xornadas nas que se informou da convocatoria e asesoramento no proceso a seguir.

Atención ao cliente e vendas:
Actividade práctica na venda de produtos en determinados sectores, prestando especial atención na atención ao cliente.

Continuamos coas accións individuais con todas as persoas participantes, definindo o itinerario personalizado de inserción e encamiñándoas na procura de emprego.

Continuamos coa visita a empresas e coa intermediación laboral, xa que nos parece unha parte fundamental do programa integrado para o emprego; é onde vemos as necesidades que teñen co obxectivo de encaixar a oferta coa demanda.

Unha ferramenta que temos no plan é a posibilidade que teñen as persoas usuarias de realizaren prácticas profesionais non laborais en empresas, coa intención de que adquiran unha experiencia laboral que non teñen ou para que o empresariado vexa as destrezas que posúen para un determinado posto de traballo. Acolléronse a este período de prácticas oito participantes.

En canto ás insercións laborais, vinte e seis persoas das que comezaron este plan de emprego xa están traballando actualmente en diferentes sectores como a carpintaría de aluminio, a hostalaría, o comercio, a fábrica, as telecomunicacións e a telefonía, a agricultura e os matadoiros.