XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A RENOVACIÓN DE ELECTRODOMÉSTICOS E ABRE PRAZO PARA QUE SE ADHIRAN AS ENTIDADES COLABORADORAS PARA A XESTIÓN DA MESMA

21. 04. 05

Axencia Instituto Enerxético de Galicia
RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2021 (códigos de procedemento IN414B e IN414C).

Son subvencionables a substitución de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación enerxética establecidos na mesma táboa, segundo a clasificación vixente a partir de marzo de 2021 (Regulamento (UE) 2017/1369 do Parlamento Europeo e do Consello). No caso das placas de cociña, é subvencionable a substitución da placa preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total (placas que teñan soamente tecnoloxía de indución, non mixtas). Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado
a un xestor autorizado.

- Electrodomésticos subvencionables
- Frigorífico e frigorífico-conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D
- Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D
- Lavadora A, B ou C
- Lavalouza A, B ou C
- Placas de cociña de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas)

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50 % para consumidores vulnerables e do 75 % para consumidores vulnerables severos.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 20 de abril de 2021 ás 9.00 e rematará o 30 de setembro de 2021 ou cando se esgoten os fondos.

Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras (código de procedemento IN414B)

Para os efectos desta resolución, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.
a) Poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais que se dediquen de forma total ou parcial á venda de electrodomésticos e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nun ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado por Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro:
– Epígrafe 653.2.-2 Comercio retallista de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica.
– Epígrafe 661.1.-Comercio en grandes almacéns, que ofrecen unha variedade ampla e, en xeral, profunda, de varias gamas de produtos.
– Epígrafe 661.2.-Comercio en hipermercados, establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo unha ampla variedade de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda.
– Epígrafe 662.1.-Comercio retallista de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.
– Epígrafe 662.2.-Comercio retallista de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.
b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 30 de xuño de 2021, e para solicitar a adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210329/AnuncioG0474-160321-0002_gl.pdf