XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A RENOVACIÓN DE ELECTRODOMÉSTICOS, ASÍ COMO A SELECCIÓN DAS ENTIDADES COLABORADORAS 2023

23. 03. 02

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (códigos de procedemento IN414B e IN414C).

As actuacións que se subvencionan son a renovación de electrodomésticos en vivendas sitas na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos: Son subvencionables a renovación de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa por outros novos da mesma tipoloxía e coa etiqueta de clasificación establecida na mesma táboa, segundo a clasificación vixente a partir de marzo de 2021 (Regulamento (UE) 2017/1369 do Parlamento Europeo e do Consello).

No caso das placas, é subvencionable a substitución da placa preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total (placas que teñan soamente tecnoloxía de indución, non mixtas). Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado a un xestor autorizado.

Electrodomésticos subvencionables

Frigorífico e frigorífico-conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Lavadora A, B ou C

Lavalouzas A, B ou C

Placas de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas)

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50 % para consumidores vulnerables e do 75 % para consumidores vulnerables severos.

As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación complementaria).

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 8 de febreiro de 2023 ás 9.00 h (inicio do período subvencionable) e rematará o 30 de setembro de 2023 ou cando se esgoten os fondos.

Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras (código de procedemento IN414B)

1. Requisitos, condicións e solvencia. Para os efectos desta resolución, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

a) Poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais que se dediquen de forma total ou parcial á venda de electrodomésticos e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nunha ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro:

– Epígrafe 653.2. Comercio ao retallo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica.

– Epígrafe 661.1. Comercio en grandes almacéns, que ofrecen unha variedade ampla e, en xeral, profunda, de varias gamas de produtos.

– Epígrafe 661.2. Comercio en hipermercados, establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo unha ampla variedade de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda.

– Epígrafe 662.1. Comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.

– Epígrafe 662.2. Comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 30 de xuño de 2023 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II)

Na Estrada estes establecementos son:
- ELECTRODOMÉSTICOS REY S.L. AMERICA Nº 1                                    986 571 327
- ESTRADENSE DE ELECTRODOMESTICOS SL AMERICA Nº 5              986 570 912
- RAMOS Y MARIÑO S.L. AV. SANTIAGO Nº 3 BAJO                                 986 590 017
- ZAPPING TV A ESTRADA, S.L.RÚA SAN ANTÓN Nº 16                          986 571 687

O prazo máximo para que o director do Inega resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de 20 días hábiles desde a presentación da solicitude.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230117/AnuncioG0474-131222-0002_gl.pdf