imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS ECONÓMICAS A TRAVÉS DA TARXETA BENVIDA, PARA ASS FAMILIAS CON FILLAS E FILLOS NADOS, ADOPTADOS/AS OU DECLARADAS EN SITUACIÓN DE GARDA CON FINS ADOPTIVOS NO ANO 2023

23. 08. 02

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B)

Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023.

b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023.

Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2023. 

Igualmente aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € nas convocatorias dos anos 2021 e 2022 e non accederan á axuda no segundo ano de vida e ata o que o neno faga os tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución nos supostos de adopción ou garda con fins adoptivos por superar os ingresos previstos para iso, poderán beneficiarse nesta convocatoria das contías previstas no artigo 4.2 no caso de experimentar unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas.

O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2023 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Así mesmo, aquelas familias que non optasen á dita axuda nas referidas convocatorias, por superar os ingresos recollidos no artigo 5.1.b), e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar e concorran á presente convocatoria, poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 nos termos establecidos no punto anterior.

Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o/a terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar a contía da axuda será de 2.400 € a razón de 200 €/mes.

Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

a) Ano 2023: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2024: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

2. Aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € terán dereito a unha axuda complementaria no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos nas seguintes contías:

a) 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.

b) 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.

c) 2.400 €/ano a razón de 200 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos. Estas contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda.

3. As contías previstas nos números 1 e 2 incrementaranse un 25 % no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes segundo os últimos datos oficiais de poboación de carácter definitivo publicados polo Instituto Galego de Estatística.

4. Excepcionalmente, a axuda poderase percibir ata un ano máis sempre que a unidade familiar estea declarada polo órgano dos servizos sociais comunitarios básicos en situación de especial vulnerabilidade, teñan un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución e así o soliciten dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia

b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.

c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á contía da axuda prevista no artigo 4.2.

d) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, para ter dereito ao incremento da axuda prevista no artigo 4.3. 2. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2023 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.

3. Para ter dereito á axuda excepcional prevista no artigo 4.4, a unidade familiar debe estar en situación de especial vulnerabilidade declarada polo órgano dos servizos sociais comunitarios básicos e ter un recurso do dito sistema público pendente de resolución.

4. Así mesmo, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. 5. Todos os requisitos recollidos no número 1 deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes. 6. No suposto de ter concedida a tarxeta Benvida para unha filla ou fillo en situación de garda con fins adoptivos, non pode volver solicitarse esta no momento de constituírse a adopción.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2023 e sempre que o fillo ou filla nacese no dito ano 2023, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230111/AnuncioG0657-271222-0006_gl.pdf

Se precisas máis información, podes poñerte en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada chamando ao teléfono 986 677 696