XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDAS XEMPRE EMPRENDEMENTO PARA APOIAR INICIATIVAS DE EMPRENDEMENTO

22. 10. 27

CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das subvencións Xempre Emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que estean de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A). A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, a súa competitividade e, en definitiva, manter os empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial que iniciou a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020. En concreto:

1º. Equipamento informático.

2º. Activos intanxibles: activos que no teñen unha materialización física ou financeira.

3º. Investimentos en eficiencia enerxética.

4º. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.

5º. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.

6º. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos: – Que os activos sexan adquiridos a unha persoa terceira non relacionada coa persoa compradora.

– Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Que o prezo non sexa superior ao valor do mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares; estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxador/a independente.

Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións non será preciso achegar as tres ofertas a que se fai referencia no artigo 11.e). Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora. A simple adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitiranse expresamente, a estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados.

No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, neste momento deben constar o vencemento e o pagamento das cantidades aprazadas.

Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:

a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 10.000 €, a contía da axuda será do 60 % do investimento.

b) Con investimentos de 10.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.

c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 50.000 €, a contía da axuda será do 40 % do investimento.

d) Con investimentos de 50.001 € ou máis ata un límite de 100.000 €, a contía da axuda será do 30 % do investimento.

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 13.00 horas do 4 de outubro de 2022 e será dun mes (tendo en conta o disposto na disposición derradeira segunda), agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220930/AnuncioG0656-270922-0004_gl.pdf