imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA O BONO DE PERSOAS AUTÓNOMAS 2021

21. 07. 12

Consellería de Emprego e Igualdade ORDE do 28 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR341Q).

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses.

b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración referida ao ano 2019 realizada inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.

Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade subvencionable cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.

Esta axuda terá dúas liñas de actuación:

Liña 1: mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

– Investigación de mercado.

– Plan de márketing

– Plan de comunicación do negocio.

– Plan estratéxico do negocio.

– Plan de crecemento: constitución da sociedade.

– Plan de reorientación do negocio.

– Plan de transformación dixital.

– Plan de refinanciamento.

Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa. Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa ReAcciona na súa convocatoria para o exercicio de 2021 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2: mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

– Compra de maquinaria.

– Compra de útiles e ferramentas.

– Reforma do local do negocio.

– Equipamentos informáticos.

– Rótulos.

– Aplicacións informáticas e páxinas web.

– Creación do logotipo do negocio.

– Mobiliario.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. No caso de solicitar axudas da liña 1 e da liña 2, atenderase en primeiro lugar á liña 1 e despois á liña 2, co límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.

No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210712/AnuncioG0599-300621-0001_gl.pdf