imprimir

IGAPE CONVOCA AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN 4.0

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

OBRADOIROS

Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros (BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables, ata un máximo de 25.000 € por proxecto, e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Ademais do anterior, co obxectivo de fomentar a diversidade de obradoiros, establécese un límite máximo de subvención por entidade beneficiaria de 60.000 €. No caso de que se supere o dito importe, axustarase o importe de subvención no proxecto con menor precedencia.

PEMES

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas, ou entre dúas ou máis empresas galegas, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor. Para unha correcta interpretación desta convocatoria debe terse en conta que ao longo destas bases se fará referencia aos seguintes conceptos:

• Modalidade de proxecto: para distinguir entre proxectos individuais e colectivos.

• Tipo de proxecto: para clasificar os proxectos en función do importe total subvencionable.

• Tipoloxía: para clasificar o alcance e obxectivo do proxecto que se quere levar a cabo.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto: 1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade 

b) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.

3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).

Ademais, os proxectos encadraranse en tres tipos distintos en función do importe total subvencionable:

• Tipo 1: proxectos cun importe subvencionable de menos de 50.000 €.

• Tipo 2: proxectos cun importe subvencionable de entre 50.000 € e 120.000 €.

• Tipo 3: proxectos cun importe subvencionable de máis de 120.000 €. Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade

b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades e tipos no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

O importe subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220729/AnuncioO92-180722-0005_gl.pdf