XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DE APOIO AO PECHE DO LECER NOCTURNO AO ABEIRO DOS FONDOS DE RECUPERACIÓN EUROPEOS

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 14 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio ao peche do lecer nocturno, financiado con fondos REACT‑UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR750A).

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras de concesión de subvencións para minimizar o impacto económico e apoiar o mantemento do emprego nos establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia que permaneceron pechados desde as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 ata as 3.00 horas do día de 3 xaneiro de 2022, tal e como se establece no punto sétimo da Orde da Consellería de Sanidade do 29 de decembro de 2021 (código de procedemento TR750A).

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas e entidades, físicas e xurídicas (persoas autónomas, microempresas e pemes), con domicilio fiscal en Galicia que desenvolvan a actividade económica dun establecemento de lecer nocturno e que se acolleron ao peche opcional desde as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 ata as 3.00 horas do día de 3 xaneiro de 2022, nos termos establecidos na orde da Conselleria de Sanidade do 29 de decembro de 2021.

Para estes efectos, entenderase por establecementos de lecer nocturno as discotecas, pubs, cafés espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no punto III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, incluiranse as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no punto III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan conforme o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.

Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café concerto, café teatro, café cantante e tablado flamenco entenderanse encadrados no Catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés espectáculo.

Os beneficiarios e as beneficiarias das axudas deben reunir os seguintes requisitos:

a) Ter domicilio fiscal en Galicia.

b) Atoparse de alta na actividade económica como mínimo desde o 1 de novembro de 2021 e, no caso de persoas autónomas, estar de alta non RETA desde a mesma data.

c) O establecemento de lecer nocturno debeu permanecer pechado desde as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 ata as 3.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022 e non ter adiantado ou atrasado a outras datas as festas ou eventos, nos termos recollidos na Orde da Consellería de Sanidade do 29 de decembro de 2021.

d) Realizar a comunicación previa conforme o previsto no punto sétimo da Orde da Consellería de Sanidade do 29 de decembro de 2021.

e) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

f) Non tratarse de empresas ou autónomos que estivesen en crise en 31 de decembro de 2019.

O importe da axuda determinarase por establecemento de lecer nocturno e en función dos metros cadrados do local conforme a seguinte escala:

– Establecemento de lecer nocturno de menos de 100 metros cadrados: 2.500 €.

– Establecemento de lecer nocturno de máis de 100 e ata 250 metros cadrados: 5.500 €.

– Establecemento de lecer nocturno de máis de 250 e ata 500 metros cadrados: 9.000 €.

– Establecemento de lecer nocturno de máis de 500 e ata 700 metros cadrados: 14.000 €.

– Establecemento de lecer nocturno de máis de 700 e ata 2.000 metros cadrados: 27.000 €.

– Establecemento de lecer nocturno de máis de 2.000 metros cadrados: 45.000 €.

O período de referencia para as axudas reguladas nesta orde será desde o 30 de decembro de 2021 ata o 30 de xuño de 2022.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220215/AnuncioG0599-140222-0002_gl.pdf