imprimir

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL CONVOCA AXUDAS ECONÓMICAS ÁS FAMILIAS CON PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA OU DISCAPACIDADE A TRAVÉS DO PROGRAMA RESPIRO FAMILIAR PARA PERSOAS COIDADORAS

Consellería de Política Social

ORDE do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS614B).

Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:

a) Modalidade de Respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

b) Modalidade de Respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención ou a persoa ou persoas que vaia atender, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa que se vai atender se encontre nalgunha das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.

3º. Que a persoa que se vai atender, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

2. Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tipo de axuda e contía

1. Modalidade Respiro no fogar. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias e das persoas coidadoras, por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente, con discapacidade ou necesidades de terceiros para as actividades da vida diaria, co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por beneficiario/ano.

2. Modalidade de Respiro en residencia. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade prevé a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.500 euros por beneficiario/ano. Serán as persoas coidadoras solicitantes as que aboen o importe total da estadía que hai que pagar.

O prazo para a presentación de solicitude comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2022.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220207/AnuncioG0425-200122-0001_gl.pdf