imprimir

O PROGRAMA INTEGRADO PARA O EMPREGO A ESTRADA ACTIVA III LOGRA UN 43% DE INSERCIÓN NO SEU PRIMEIRO SEMESTRE.

18. 06. 04
 

O Programa Integrado para o Emprego A Estrada Activa III 2017-2018 chega ao seu ecuador cun índice de inserción do 43,53%. Un total de 37 das 85 persoas que iniciaron este programa de emprego están actualmente traballando en empresas pertencentes a diferentes actividades, como a limpeza, o aluminio, a hostalería, o comercio, a administración, a fábrica, as telecomunicacións e a telefonía, a agricultura ou a alimentación, entre outros, segundo informaron hoxe os técnicos responsables do programa.
Trátase dun programa subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Fundación Cultural da Estrada que se puxo en marcha o 1 de decembro de 2017 e que rematará o próximo 30 de novembro de 2018. O programa ten como compromiso a inserción laboral do 31% dos inscritos, un obxectivo que os seus técnicos de inserción, Ana María Porto Magán e Pablo Penide Requeijo prevén cumprir.


Estamos nas cifras semellantes aos dos anos anteriores, cando o primeiro programa pioneiro na Estrada logrou conseguir emprego a 45 dos 60 participantes no período comprendido entre o 1 de setembro de 2015 e o 31 de agosto de 2016, no último chegouse a 51 de 60 no período entre o 1 de setembro de 2016 e o 31 de agosto de 2017. Cando as persoas participantes amosan un interese real e, con axuda do programa, a inserción acaba sendo un feito.


Nos seus seis primeiros meses de funcionamento, o programa realizou diferentes actividades formativas tanto a nivel individual como colectivas. Así, ao comezo do programa realizouse un diagnóstico ocupacional de cada un dos participantes para coñecer os seus perfís profesionais e, en base a eles, axudarlles a elaborar currículums e cartas de presentación específicos para cada posto. Para iso desenvolvéronse sesións seguindo técnicas de coaching grupal e individual.


As persoas participantes interesadas tamén recibiron formación básica sobre prevención de riscos laborais de 60 horas de duración. Ademais, o programa ofreceu un curso teórico-práctico de operador de carretilla, talleres de preparación de entrevistas de traballo e dinámicas grupais, clases de niveis básico e avanzado de inglés, informática e manipulador de alimentos. Por outra banda, os inscritos neste programa teñen á súa disposición unha plataforma de formación en liña cunha oferta de 600 cursos e recibiron información e asesoramento sobre a acreditación e recoñecemento da súa experiencia profesional e das competencias dixitais.


O programa continúa coas accións individuais de todos os participantes, coa realización de visitas a empresas e co sistema de intermediación laboral levado a cabo desde a
Fundación Cultural A Estrada, que permite adaptar a oferta á demanda laboral. Por outra banda, cabe lembrar que as persoas usuarias do programa teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas, coa intención de que adquiran unha experiencia laboral da que carecen, para que o empresario coñeza as súas destrezas ante un posto de traballo determinado, aspecto que está a resultar moi eficiente.