imprimir

A ESTRADA INICIA O SEU NOVO PLAN DE EMPREGO

16. 11. 24
 

O Programa Integrado para o Emprego “A Estrada Activa II 2016/2017” subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Fundación Cultural de A Estrada comeza de novo, sendo o segundo ano consecutivo, despois de rematar o anterior cuns resultados moi satisfactorios.

Vaise a traballar pola inserción laboral e o fomento de emprego no noso concello, levando a cabo diferentes actividades de información, orientación e asesoramento, formación transversal e novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a procura de emprego.

Traballarase tanto a nivel individual como colectivo, con accións de diferente tipo:

- Habilidades socio laborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes, formación específica para o emprego, prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico-práctico das accións formativas e mobilidade laboral.

Durante este ano vaise apostar pola inserción laboral acompañando aos desempregados nun itinerario formativo que lles permite formalos con todas as ferramentas dispoñibles no mercado actual.

Axudarase a todas as persoas, portadoras dunha idea de negocio, a desenvolver elevar a cabo o seu proxecto na nosa comarca a través de diferentes xornadas específicas para eles.

Participan neste programa integrado 60 persoas desempregadas que forman parte de diferentes colectivos, a maioría son menores de 30 anos sen cualificación, pero tamén hai persoas perceptoras de RISGA, mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas con discapacidade.

O longo deste ano vanse impartir diferentes talleres e actividades en grupo adecuadas ao posto de traballo que queiran buscar, tales como (entre outras) formación en:

- Prevención de riscos laborais
- Carretilla e aparatos elevadores
- Alfabetización informática e teleformación

- Manipulación de alimentos
- Técnicas de procura de emprego
- Habilidades sociais e comunicativas
- Información e asesoramento sobre o recoñecemento e acreditación da experiencia profesional, sobre as competencias clave, certificados de
profesionalidade, ESO de adultos e formación profesional
- Inglés
- Intelixencia emocional, motivación e coaching na procura de emprego
- Atención ao cliente e técnicas de venda
- Xestión da calidade e mellora continua

Ademais, algo fundamental neste Plan é a intermediación laboral e a prospección empresarial, xa que o contacto coas empresas da zona e arredores permítenos coñecer de preto as necesidades de contratación de persoal que teñan para encaixar as ofertas de emprego coas demandas.

Deste xeito, moitos dos usuarios do Programa de Emprego teñen a opción de formar parte dos procesos selectivos e das entrevistas realizadas polos empresarios e finalmente asinar un contrato de traballo.

Outra parte importante deste Programa Integrado de Emprego é a posibilidade que teñen as persoas participantes de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas.

Co Programa Integrado para o Emprego “A Estrada Activa 2016/2017” recentemente comezado xa contamos con cinco usuarios que realizaron prácticas e once altas na seguridade social, en diferentes sectores:

- Comercio
- Sistemas de aluminio
- Hostalería
- Xestión de residuos
- Telecomunicacións
- Comercial/venda
- Envasado e manufacturado de alimentos
- Gandería